martes, 21 de julio de 2009

A cabra vella

A cabra vella é o nome que reciben as lumaradas que se fan polo San Xoán nos Concellos de Vedra, Teo, Boqueixón, Ames e parte do de Santiago de Compostela, actualmente coñecidas como cacharelas, lumieiras, fogueiras ou lumes de San Xoán (porque na costa norte da provincia da Coruña tamén se facían fogueiras por Difuntos)...
Curiosamente nas parroquias que celebran as súas festas patronais nestas datas a comida típica é a cabra.

As lumaradas facíanse con leña de baixa calidade, táboas inservibles, móbels vellos, teas, etc. , é dicir, os materiais combustibles que xa non se podían aproveitar e que os rapaces recollían, xuntaban e vixiaban nos días anteriores ó 23 de xuño porque os rapaces viciños roubábanllela. Os viciños de cada aldea, rúa ou praza xuntábanse para facelas comunitariamente, mantendo unha gran competitividade coas aldeas ou rúas limítrofes.

Saltaban por riba do lume dicindo:
Salto por riba
do lume de San Xoán
para que non me trabe
cobra nen can.

Nas lumaradas participaban nenos, mozos e vellos que remataban cantando e bailando ó redor delas ó compás da música da gaita ou da pandeireta, das cunchas e outros instrumentos tradicionais.
Nalgunhas localidades tamén facían lumaradas polo San Pedro.

É ben sabido que o lume e o fume en moitas culturas teñen un valor purificador, tanto no plano material como no espiritual; lembremos o botafumeiro da Catedral de Santiago ou os incensarios utilizados en tódolos actos litúrxicos, non só das igrexas cristiás, senón tamén doutros cultos relixiosos.
No plano real, os nosos antepasados descobriron moi pronto que os animais lle teñen medo ó lume, así que podían empregar unha fogueira ou un fachuco aceso para protexerse das alimañas; tamén queimaban os animais mortos por enfermidades (con lume ou con cal viva) e a roupa e enseres persoais dos familiares fallecidos a causa dunha epidemia, así coma a carne de porco que non collía sal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario